A Deputación da Coruña promociona a gastronomía como un produto turístico de alto nivel

“Traemos a Madrid algo que vai máis aló do pruduto gastronómico, porque a estas alturas xa sabemos que o produto galego ten unha calidade incontestable, e o que queremos é dar un paso máis e convertir a cociña unha experiencia turística de alto nivel”, asegurou o vicepresindente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, esta tarde no restaurante NaDo de Madrid. O vicepresidente foi o encargado de dar a benvida a todos os asistentes ao showcooking que o ente provincial organizou para promover a gastronomía do territorio da man de cociñeiros da Asociación Coruña Cociña.

O showcooking, que tiña como fío condutor a guía gastronómica ‘A mesa do noroeste. Un percorrido pola provincia a través da súa gastonomía’, completou todas as prazas dispoñibles no restaurante Nado, do cociñeiro coruñés Iván Domínguez, cun público conformado por medios especializados en turismo, viaxes e gastronomía, e por representantes institucionais dos concellos da comarca de Ortegal, Arousa- Barbanza, CEMAT, Reserva da Biosfera, Consorcio de Turismo da Coruña e de Turismo de Galicia. Tamén asistiron a deputada provincial, María Muíño, e os deputados Antonio Leira e José Manuel Pequeño.

Na elaboración dos pratos que se ofreceron para na degustación participaron os cociñeiros Iván Domínguez, Javier Freijeiro, Moncho Bargo, Antonio Amenedo e Pablo Pizarro. “Neste momento, temos a sorte de contar cun elenco de cociñeiros e cociñeiras que están facendo unha cociña con carácter, que bebe da tradición pero que a transforma nunha oferta de alta cociña” asegurou o vicepresidente. Neste sentido, Xosé Regueira indicou que “no ranking das estrelas Michelín cada vez hai máis referencias galegas e máis referencias da provincia da Coruña, polo que podemos considerar a gastronomía do noso territorio como un produto turístico de alto nivel”.

A presentación estivo conducida polo actor coruñés, Manuel Burque que, cun estilo irreverente e humorístico, xogou cos tópicos sobre as gastronomía galega e foi presentando tanto as receitas como os cociñeiros participantes. O showcooking consistiu na elaboración, explicación e degustación de catro receitas: berberecho de Noia, cítricos e Salicornia; repolo de Betanzos á brasa; arroz de galiña piñeira; e requeixo da Capela con mazá asada e biscoito de leituga de mar.