EXPOSICION FOTOGRAFICA EN CORUÑA: A Parva acolle a exposición fotográfica sobre a cantante punk galega Chus Taboada

EXPOSICION FOTOGRAFICA EN CORUÑA

A Parva, a cantina do mercado de San Agustín, acolle dende o pasado sábado e durante o mes de febreiro a exposición fotográfica ‘Unha vida de Ultratumba’, un proxecto sobre a figura e obra de Chus Taboada,

vocalista das bandas de punk galegas Voces de Ultratumba e La Traición, así como realizadora do Fanzine Escupe. Maritxu Alonso é a creadora do proxecto, que contou co apoio do Concello da Coruña a través do programa Presco, e que tamén inclúe un fotolibro en edición limitada.

Alonso sinala que a mostra “rememora momentos vitais importantes relacionados coa música punk, a psicoloxía e a conexión co momento presente” e contén documentación gráfica, imaxes da vida de Taboada, anotacións da súa propia man e tomas fotográficas actuais polo que, dí, “transmite con proximidade a perseverancia de valores cos que vive Chus no seu día a día”.

A mostra pode visitarse no horario da cantina. De luns a xoves de 9.00 a 16.00 horas; os venres, de 9.00 a 19.00 horas e o sábado, de 9.30 a 16.30 horas.