A Parva acolle este sábado a presentación do libro ‘O ano do tigre’, con vermú e conversa coas autoras e autores

A Parva, a cantina do mercado de San Agustín, acolle este sábado, día 26, ás 13 horas, a presentación do libro ‘O ano do tigre’, unha publicación colectiva que aúna relatos de Lucía Aldao, Xiana Arias, Patricia A. Janeiro, Carlos Lixó e Ismael Ramos, cinco pezas narrativas cun elemento común: a presenza dun felino na historia.

A presentación deste volume, que edita o selo Rodolfo e Priscila, terá forma de vermú, no que as autoras e autores conversarán de felinos e tamén de literatura. Xunto con elas estarán Berta Dávila e Carlos Meixide, responsables deste proxecto editorial independente. A entrada será libre até completar o espazo.