A Parva acolle mañá o primeiro concerto de Devalo, que presentará o disco “Luz/Sombra”, no mercado de San Agustín

A Parva, a cantina do mercado de San Agustín, acolle este venres, 8 de abril, desde as 16 horas, o concerto de Devalo, o proxecto musical do coruñés afincado en Gales David Miranda, quen presentará en primicia algúns dos temas do seu segundo disco, “Luz/Sombra”, en formato electroacústico. A entrada será gratuíta ata encher a capacidade do recinto.

O evento é unha das actividades da programación do primeiro aniversario da Parva, que inclúe tamén o venres 22 de abril(16h), outro concerto, o de Ocre, que dará a coñecer os temas do seu terceiro álbum, “Sucio”. Ao día seguinte, o sábado 23, a sesión vermú contará coa selección musical de DJ Palmer.

Antes, o domingo 17, A Parva desprazarase ata o Campo da Leña para participar, desde as 10 ata as 15 horas, no Mercado Ecolóxico e de Proximidade, ao que levará algúns dos seus produtos máis vendidos, ademais de bebidas e bocatas, bolachas e outros petiscos, sempre con opcións vexetarianas e veganas.

A Parva organizou, durante todo o seu primeiro ano, en distintos espazos do mercado catas, exposicións como “Unha vida de Ultratumba”, da creadora e activista feminista Maritxu Alonso, ou “Son Praceira”, unha colaboración das traballadoras do mercado e a fotógrafa V. Casteleiro, dentro do festival FFoco, presentacións de libros como “Rock Radikal Vasco”, de Juan Pardo, ou o colectivo “O ano do tigre”, da editorial Rodolfo e Priscila, e participou en citas gastronómicas e culturais como o Boucatise ou o Mercado das Nubes.