A proposta de cambio do trazado de varios tramos da liña e o aumento dun vehículo máis na mesma, ademais da redución de frecuencias da ruta actual ou a proposta da Asociación Veciñal da implantación dunha nova liña 21A foron varios dos asuntos tratados na mesma
«A situación sobre o servizo do transporte público colectivo en Novo Mesoiro é hoxe en día insostíbel. Máis ante a próxima evolución demográfica do barrio na que a mobilidade de miles de persoas non está garantida e colapsará a estrada de Feáns cara Elviña e Agrela. A xerencia da Compañía de Tranvías non está polo labor de prestar un servizo público: só está interesada no seu lucro e nos pingües beneficios xerados do secuestro derivado do actual contrato sen lle importar o que lle acontece á veciñanza do barrio de Novo Mesoiro», denuncian desde a Asociación
Segundo a entidade veciñal de Novo Mesoiro, doutra volta, e co comezo das aulas, os servizos de transporte público colectivo para este barrio periférico da cidade, vense colapsados provocado polo insuficiente servizo que actualmente lles presta a Compañía de Tranvías.
Desde a Asociación cualifican de «pírrica» a oferta que hoxe en día existe malia o reforzo puntual en horas punta, que segundo consideran non chega para trasladar ao conxunto de persoas usuarias que empregan o bus para se desprazar desde e ao barrio, principalmente aos centros de ensino secundario de Elviña ou aos centros de traballo do polígono de Agrela.
Neste sentido, o presidente do Comité de Empresa e varios traballadores da propia Compañía de Tranvías amais a Xunta Directiva mantiveron un encontro para analizar a situación actual e falar sobre as distintas propostas de mellora que ambos colectivos teñen trasladado, tanto á empresa como á Área de Mobilidade do Concello da Coruña, nos últimos anos.
Deste xeito, a Presidencia do Comité informou á representación veciñal que existe sobre a mesa unha proposta de mellora de percorrido que os traballadores presentaron á Compañía e ao Concello. Esta proposta de mellora pasa por recuperar o traxecto pola rúa Fernández Latorre cara a praza de Catro Camiños, empregado durante as obras da rotonda da avenida de Salgado Torres coa rúa Pérez Ardá, para posteriormente incorporarse a través da rúa Enrique Hervada e a rúa Castiñeiras á rúa Federico Tapia, precisamente polo percorrido que a liña empregaba cando por esta rúa transcorría o carril-bus até a praza Pontevedra. Segundo a representación dos traballadores este novo percorrido desde Novo Mesoiro acortaría a frecuencia en beneficio das persoas usuarias e dos propios traballadores da Compañía.
Porén, a Xunta Directiva, que destacou que a proposta redundaría nun mellor servizo e amosou o seu apoio a esta proposta de novo percorrido, advertiu que sen unha reforma máis profunda e estrutural a situación actual da liña 21 se fai insostíbel, insistindo durante a reunión en sinalar a necesidade de incorporar un novo bus á actual liña para paliar de xeito inmediato a demanda de servizo existente.
Asemade, os representantes da Asociación Veciñal tamén deron traslado da súa proposta da implantación dunha nova liña, a 21A que presentaron xa en 2017, e que pretende conectar ao barrio co campus de Elviña e o barrio de Matogrande, co obxecto de garantir a mobilidade coa zona universitaria e cos centros educativos e cos centros sanitarios do outro barrio coruñés e onde unha parte importante da veciñanza do barrio ten as crianzas estudando ou ten derivados os servizos do persoal médico de atención primaria.
Do mesmo xeito, a Asociación Veciñal considera “dramático” que as persoas responsábeis da Área municipal de Mobilidade teñan anunciado a semana pasada a súa renuncia á reformulación integral das liñas dada, segundo aquelas propias persoas responsábeis do goberno municipal, a inseguridade xurídica emanada da sentencia xudicial anulatoria da baixada das tarifas do bus acometida no mandato municipal anterior.
«A situación sobre o servizo do transporte público colectivo en Novo Mesoiro é hoxe en día insostíbel. Máis ante a próxima evolución demográfica do barrio na que a mobilidade de miles de persoas non está garantida e colapsará a estrada de Feáns cara Elviña e Agrela. A xerencia da Compañía de Tranvías non está polo labor de prestar un servizo público: só está interesada no seu lucro e nos pingües beneficios xerados do secuestro derivado do actual contrato sen lle importar o que lle acontece á veciñanza do barrio de Novo Mesoiro. Cremos que a mobilidade debe ser un dereito ao que pode acceder toda a veciñanza. Se as persoas que deben garantir ese dereito, o Goberno Municipal, renuncian a lle exixir á Compañía de Tranvías as melloras necesarias para facer cumprir ese dereito entendemos que é toda unha declaración de intencións a respecto do proxecto da nova licitación do servizo que está prevista para 2024», denuncian desde a Asociación.
Por último, desde a Asociación sinalan, en relación a esta vindeira licitación, que «incluiremos entre as nosas demandas que tanto o Goberno Municipal actual como o que saia elixido para o vindeiro mandato entre 2023 e 2027 analicen, como primeiro criterio a seguir, tras remate da actual concesión do transporte urbano colectivo o estudo de detalle para municipalizar o servicio co obxecto de garantir o seu control efectivo, nomeadamente todo o referido á configuración das liñas e aos percorridos a trazar, aos prezos, ás frecuencias e aos horarios, e co obxecto de acabar con calquera outro monopolio abusivo como o que hoxe, e despois de máis de 30 anos, exerce a Compañía de Tranvías».