Carreira da Luz 2024: O IES Miraflores celebra un ano máis a Carreira da Luz con moitos agasallos e sorpresas

Carreira da Luz 2024: PREPARADOS/AS, LISTOS/AS… QUE VOLVE A CARREIRA DA LUZ!

Este é a mensaxe de motivación que lanzan desde o centro oleirense para inscribirse na VI edición da Carreira da Luz que se celebra o venres  26 de abril  no Polígono de Iñás, en Oleiros.

Organizada polo Instituto de Ensino Secundario Miraflores, esta proba popular ten como eixo fundamental ensinar os valores solidarios, deportivos e de convivencia. Trátase dunha carreira nocturna na que poden participar persoas de todas as idades, con categorías desde biberóns ata súper veteranos.

Carreira da Luz 2024

Unha das máximas do IES Miraflores é educar en valores e inculcar boas prácticas como a participación en actividades deportivas e saudables, a cooperación ou a solidariedade con aquelas persoas que máis sofren de aí que, se hai a motivación de correr ou de colaborar, na medida das posibilidades de cada un/ha, por unha boa causa, sabendo que o teu esforzo vai contribuír a mellorar un pouco a vida das persoas, o éxito está garantido.

Nesta ocasión a liña de colaboración solidaria téndese coa asociación PANGONO PANGONO coa idea de levar a cabo un proxecto en Malawi, concretamente o proxecto  “MiniVan Área 49” co que pretende dotar dun minibus propio ás mozas estudantes da residencia “Amai María”, da Área49 de Lilongwe (Malawi), para que estas poidan desprazarse e continuar coa súa formación nas escolas de secundaria e universidades da capital, evitando,así, o acoso sexual ao que se ven sometidas neses medios de transporte ateigados de xente, os retrasos, os excesivos prezos ou as frecuentes molladuras na época de choivas.

Coa cantidade que se recade, preténdese aportar, xa que logo, unha raiola de LUZ a devandito proxecto.

Desde o centro queren animar á participación masiva cunha motivación extra. Grazas aos patrocinadores que este ano axudan na organización ( Auditel, Asueto, Viaxes Sierra, Galitelco, Sup Mera, Clínica Facies de Perillo…) a lista de agasallos é un aliciente máis para participar. Ademais cada dorsal recibirá unha bolsa de abastecemento».Para a rapazada, esas bolsas levarán algunha que outra sorpresa. Todos os gañadores e gañadoras das categorías superiores recibirán tamén un premio como recompensa ao seu esforzo.

Haberá inchables para os máis cativos, mercados solidarios, chocolate, doces caseiros e moitas sorpresas máis…

Calza as túas deportivas e ponte a camiseta da solidariedade, que o proxecto “MiniVan Área 49”, a través da Operación Pangono Pangono, está en marcha e con ela a VI Carreira da Luz!