Concerto de Rauw Alejandro o 15 de outubro

O Concello anuncia a volta da programación de grandes xiras no Coliséum da Coruña co concerto de Rauw Alejandro, o vindeiro 15 de outubro, ante a positiva evolución da situación sanitaria.

As entradas sairán á venda o próximo 8 de setembro a través da web www.coliseum.sacatuentrada.es, no despacho de tíckets da praza de Ourense e na web www.boombasticfestival.com. As localidades estarán dispoñibles con prezos desde 49,00 €. Aplicarase o protocolo de prevención fronte á Covid-19: as entradas do concerto serán nominais, o público estará sentado en localidades mantendo a distancia de seguridade e non se permitirá o consumo de bebida nin comida no interior do recinto. Todo iso cunha capacidade limitada do recinto.

A alcaldesa, Inés Rey, apuntou que «a volta dos grandes concertos á Coruña é froito tanto da organización que se está levando a cabo no Coliséum e no resto de recintos municipais nos que se están a realizar espectáculos e do público que cumpre en todo momento as normas e contribúe así a que A Coruña se posicione como capital da cultura segura».

Desde Porto Rico chega á Coruña o artista do momento, Rauw Alejandro, un número un mundial que colleita éxito tras éxito e que xa se converteu no artista do ano. A pesar da pandemia, Rauw soubo xestionar dunha maneira perfecta os seus hits e púxonos a bailar todo o verán con «Todo de ti» e «Cambia el paso» xunto a Jennifer López. Este 15 de outubro chegará ao Coliséum, co seu Tour España 2021, co que xa esgotou os tíckets nas principais cidades do país como Madrid, Barcelona, Málaga, Granada, Murcia ou Zaragoza e, previsiblemente, non tardará en facelo na nosa cidade.