Convites gratuítos 2024: O Encontro Mundial de Humorismo activa esta mañá a retirada de convites gratuítos para as funcións no Teatro Colón de ‘El sentido de la birra’ e ’Lo que me han enseñado los mayores’

Convites gratuítos

O Encontro Mundial de Humorismo activa na mañá deste luns 18, a partir das 12.00 horas, a retirada de convites para dúas das actividades que formarán parte da programación paralela e gratuíta da súa cuarta edición, que se celebrará na Coruña do 25 de abril ao 5 de maio: o parladoiro Lo que me han enseñado los mayores, do cómico e guionista de televisión Jordi Moltó, e a gravación ao vivo de El sentido de la birra, o podcast presentado por Ricardo Moya e que contará con Antonio Resines como convidado.

Convites gratuítos

Jordi Moltó visitará por primeira vez o EMHU con Lo que me han enseñado los mayores, unha escachante
proposta na que aborda algúns dos seus vídeos máis virais gravados para a sección Experiencias reales, do
programa El Hormiguero, e que contan con millóns de visualizacións nas redes sociais. Son unha unha sorte de emotivos experimentos sociolóxicos protagonizados por avós, propostas das cales Moltó deduce que “a idade non é máis que un estado mental”. O seu parladoiro, apto para todos os públicos, terá lugar no Teatro Colón o martes 30 de abril ás 19.30h; e a entrada será gratuíta, previa retirada de convite a través de
www.ataquilla.com. Para facilitar o acceso tanto de maiores coma de pequenos á proposta, o EMHU e o
Concello da Coruña contarán cun amplo cupo de entradas para as persoas usuarias dos centros cívicos
municipais. As usuarias poderán solicitar a súa invitación nos propios centros, a través das canles habituais
presenciais que a Concellería de Benestar Social pon ao seu dispor.

Desde hoxe tamén estarán dispoñibles os convites para unha das citas máis agardadas desta edición e que
será o ramo das actividades paralelas do EMHU 2024: a gravación ao vivo de El sentido de la birra, un dos
podcast máis seguidos do momento. O seu condutor, o músico, cómico e youtuber Ricardo Moya,
entrevistará de forma relaxada, intimista e sen guion, a unha das figuras imprescindibles do mundo do cinema e da televisión das últimas décadas: Antonio Resines. Será o domingo, 5 de maio, ás 12.30h, no Teatro Colón.

EMHU 2024

O Encontro Mundial de Humorismo, a cita humorística máis relevante de España polo número de actividades e público, celebrará a súa cuarta edición na cidade da Coruña do 25 de abril ao 5 de maio. O encontro está impulsado pola produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, e conta co apoio do Concello da Coruña, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e de Estrella Galicia.

Durante 11 xornadas, o EMHU reunirá ás figuras máis destacadas da comedia galega e estatal: Álex Clavero, Ana Morgade, Carolina Iglesias, Dalia Gutmann, David Amor, David Cepo, Eva Hache, Galder Varas, Goyo Jiménez, Henar Álvarez, Ignasi Taltavull, Javier Veiga, Juan Dávila, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Roberto Vilar, Sílvia Abril, Tomàs Fuentes, Xosé A. Touriñán e o trío As R(h)umorosas (conformado por Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro).

Convites gratuítos

O EMHU comezará en 38 días, mais varios dos espectáculos xa penduraron o cartel de entradas esgotadas. É o caso de La capital del pecado 2.0, de Juan Dávila; as dúas funcións de Esto no es un show, de Galder
Varas; a dobre sesión da gala Humoris Causa, con Goyo Jiménez, Leo Harlem, Luis Piedrahita e Sílvia Abril;
ou La ruina, de Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes, cunha función esgotada e outra a piques de facer o propio.
Na mañá desde luns, 18 de marzo, aínda é posible adquirir algún dos últimos billetes para propostas como
Fantastic Colofon, La nueva normalidad ou Mentes peligrosas.

A programación troncal de espectáculos completarase cun feixe de actividades paralelas gratuítas e aptas para todos os públicos como son as gravacións dos podcast El nicho e El sentido de la birra; o espectáculo
Match de Impro; os parladoiros Lo que me han enseñado los mayores, Coidado coas bromas e O
negocio do humor; e a presentación do libro Pérdidas de risa, de Sílvia Abril.

CONVITES DISPOÑIBLES DESDE O LUNS 18 DE MARZO ÁS 12.00 HORAS
30/04, 19.30h | Teatro Colón

Lo que me han enseñado los mayores. Con Jordi Moltó (entrada gratuíta previa retirada de convite nos centros cívicos municipais ou a partir das 12.00 horas do 18/03 en www.ataquilla.com).

05/05, 12.30h | Teatro Colón

El sentido de la birra. Con Ricardo Moya e Antonio Resines (entrada gratuíta previa retirada de convite a partir das 12.00 horas do 18/03 en www.ataquilla.com).