Formación gratuíta
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, impulsa unha nova iniciativa de formación en liña en materia de dixitalización. O prazo de inscrición será do 28 de marzo ao 13 de abril e realizarase a través da web www.coruna.es/emprego.
O plan de estudos é totalmente gratuíto e está pensado para persoas desempregadas ou que queiran mellorar no seu emprego, con preferencia para aquelas maiores de 16 anos empadroadas na cidade. As accións formativas estarán dispoñibles en liña na súa totalidade e accesibles as 24 horas do día.
Posto que a dixitalización é cada vez máis unha peza clave no desenvolvemento profesional e académico, a formación neste campo non só axuda a mellorar o perfil, senón que se está a converter en requisito de contratación de cara a futuros empregos. Así, todas as accións formativas que o programa presenta das resposta a competencias moi demandadas no mercado actual.
Ademais, cada persoa poderán escoller aquelas accións formativas de máis interese segundo a súa especialización: competencia en linguas (inglés, francés e alemán en distintos niveis) ou en administración de empresas (seguridade informática, sinatura dixital, notificacións e rexistros electrónicos, comunicación, habilidades directivas…).
Toda a información pode consultarse de maneira máis detallada na web www.coruna.es/emprego desde o vindeiro luns 28 de marzo, xunto coa apertura do prazo para a realización de inscricións.