Inés Rey destaca a aposta da Coruña polos grandes eventos na presentación da programación gratuíta do EMHU

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou esta mañá na presentación da programación paralela e gratuíta do Encontro Mundial de Humoristas. O Concello colabora activamente coa organización deste evento que converterá a cidade na “capital mundial do humor”. Rey estivo acompañada polo cómico coruñés Luis Piedrahita,
director artístico do EMHU.

A alcaldesa destacou durante o acto de presentación desta programación o gran potencial que ten este evento para a cidade e para o sector cultural. “O humor cumpríu unha función fundamental durante a pandemia. Por iso, era impensable que non se mantivese nas nosas vidas unha vez recuperada a normalidade”, apuntou Inés Rey. O Concello contribúe para esta cita con tres recintos municipais, como son o Teatro Colón, o Coliseum e a Casa de
Cultura Salvador de Madariaga.

“Este EMHU achegará moito máis que humor á cidade. Desde o Concello estamos apostando por atraer grandes eventos á Coruña que nos sitúen como o destino de referencia do noroeste”, apuntou Inés Rey. A alcaldesa destacou da programación paralela a presenza de grandes nomes como Javier del Pino ou a colaboración de entidades como a Banda Municipal de Música.

A programación de actividades paralelas comezará o 29 de abril coa apertura da exposición ‘Los Quijotes de Mingote’ na Casa da Cultura Salvador de Madariaga. O 2 de maio celebrarase o coloquio ‘Wenceslao Fernández Flórez, do papel ao celuloide’ en Afundación.

O 4 de maio Afundación acollerá o espectáculo ‘Humorismo e política’, o 5 de maio o Teatro Colón será o escenario de ‘A banda sonora da nosa risa’, coa Banda Municipal e, por último, o domingo 8 de maio emitirase en directo o programa ‘A vivir que son dos días’,
tamén no Teatro Colón.

O EMHU leva vendidas para esta edición máis de 12.000 entradas. As grandes celebridades da comedia reuniranse durante dúas semanas na Coruña con espectáculos de gran repercusión como ‘Estirando el chicle’ ou ‘La vida moderna’, ambos os dous no Coliseum. Trátase da segunda edición deste gran evento, que conta coa presenza de
humoristas como Eva Hache, Leo Harlem, Ana Morgade, Xosé A. Touriñán, Rober Bodegas, Silvia Abril ou Inés Hernand.