IRIBARNE: Coincidiendo con el centenario del nacimiento de Manuel Fraga, ButacaZero comparte con el público el inicio del proceso de creación de su nuevo espectáculo IRIBARNE

IRIBARNE

ButacaZero arranca esta semana unha nova fase dentro da creación da súa nova proposta escénica, Iribarne, unha peza de teatro político que a compañía dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira estreará no 2023.

Iribarne, que está en proceso de creación na actualidade, afondará na figura de Fraga Iribarne tentando comprender o seu impacto no noso presente e tamén na nosa identidade.

Os días 22, 23 e 24 de novembro, con motivo do centenario do nacemento do popularísimo político, ButacaZero deseñará tres xornadas de creación con cinco intérpretes en escena e a colaboración da directora Agurtzane Intxaurraga, da compañía vasca Hika Teatroa. A cita será no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

O intercambio terá lugar grazas ao programa ‘Cruces’, de Camino Escena Norte, que ten por obxectivo favorecer que compañías de diferentes comunidades autónomas do norte de España poidan coñecerse creativamente e trazar lazos de unión.

O público está tamén convidado a formar parte deste proceso. O martes 22 e o mércores 23 de novembro (día do centenario do nacemento de Manuel Fraga) as portas do Teatro Principal de Santiago de Compostela estarán abertas para que cincuenta persoas poidan coñecer o proceso de creación e participar del. As persoas interesadas poden apuntarse no correo iribarne@butacazero.net, indicando cal dos dous días queren participar. A selección establecerase por rigorosa orde de chegada.

Así mesmo, ButacaZero convida ás persoas que o desexen a enviar informacións que consideren relevantes para o proxecto, dende anécdotas persoais a noticias, imaxes, vídeos ou anacos de xornais. A canle para facelo é o mesmo correo electrónico: iribarne@butacazero.net.

SOBRE O PROXECTO ESCÉNICO

Iribarne non será un biopic sobre a vida de Manuel Fraga Iribarne. O espectáculo parte dunha investigación sobre a súa vida e o seu percorrido político para chegar a entender non só a figura do político, senón, principalmente, a afectación que tivo -e segue a ter- nas nosas vidas. A obra está prevista cunha enerxía desbordante, un espírito irreverente e moita ironía -marca da compañía-, con referentes como Ubú rey, de Alfred Harry, ou La imaginación del futuro, do colectivo teatral chileno La Re-sentida.

Iribarne nace da necesidade de descubrir que implicacións ten no noso presente un dos políticos máis populares e interesantes da nosa pre-Transición. A piques de celebrar o centenario do seu nacemento, Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira queren facer balance dunha personalidade “particularísima e popularísima” que, en palabras do tándem artístico, “puido ter sucedido a outro galego, Francisco Franco, pero tivo que se conformar con ser o ‘grandísimo presidente dos e das galegas’. Porén, temos a impresión de que polo camiño deseñou non só o que agora é Galicia, senón mesmo o que é España: esa España do turismo, a do destape a dos paradores… Ou o mesmísimo PP”.

No seu anhelo de achegarse ao público dun xeito diferente, ButacaZero porá en pé con Iribarne un proxecto de investigación teatral compartido co público para tratar de interpretar a unha das personaxes referentes da política galega e española, que serán compartidas a través das redes sociais da compañía, convidando ao público a participar no proceso de creación colectiva do espectáculo. Nos vindeiros meses terán lugar numerosos eventos, entre eles entrevistas e novas sesións creativas multidisciplinares ou de improvisacións dramatúrxicas das cales nacerá, ao final do proceso, a peza teatral que se estreará no 2023.

SOBRE A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín#camiños, Despois das ondas ou 32m2, o tándem sitúase como referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego, grazas á súa capacidade á hora de dialogar co mundo actual. A investigación e a reflexión desde unha mirada crítica e irónica son as claves que definen as súas creacións, que se concretan en dramaturxias feitas a medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.