Lino Braxe: Presentación e contacontos do libro póstumo de Lino Braxe

Lino Braxe

A libraría Troa Avir da Coruña acolle este mércores, 26 de outubro, ás 19.30h, a presentación do libro póstumo de Lino Braxe Sidi, unha viaxe cara a vida / Sidi, un viaje hacia la vida, editado por Hércules de Ediciones. No acto, participarán María Braxe, irmá de Lino e autora das ilustracións; a editora, Laura Rodríguez Herrera; a contacontos Manuela Varela, e Raúl Besada, delegado de Tierra de Hombres en Galicia, ONG á que irán destinados os beneficios dos autores e coa que o escritor e dramaturgo mantiña unha estreita colaboración.

De feito, a historia de Sidi, o rapaz protagonista do libro, que desde un remoto lugar situado entre dous mundos emprende unha viaxe física e emocional que cambiará para sempre a súa vida e a de Raúl, o seu cariñoso pai acolledor, é un exemplo do traballo que fai o programa “Viaxe cara a vida” da entidade solidaria. A publicación está editada en galego e castelán.

 

Sobre o autor

Poeta, narrador, actor e dramaturgo, Lino Braxe comezou no teatro profesional en 1985, coa Compañía Luís Seoane. Actuou en producións da Escola Dramática Galega, do Centro Dramático Galego e Malbarate, entre outras, e tamén foi actor de dobraxe e locutor de RNE durante dez anos, tempo no que adaptou para a radio a obra dramática completa de Álvaro Cunqueiro e Eduardo Blanco Amor.
Foi así mesmo un dos fundadores da revista Luzes de Galiza e dirixiu ata o seu pasamento o grupo de teatro da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Este libro é unha mostra da súa xenerosidade e da súa implicación no traballo da ONG Tierra de Hombres, coa que colaborou desde o principio.