A cidade da Coruña será protagonista da proba de exteriores da próxima entrega do programa de Televisión Española MasterChef Celebrity que se emitirá en La 1 o vindeiro luns 4 de outubro ás 22.10h.
No programa realizado na nosa cidade, o chef do restaurante Árbore da Veira, Luís Veira (1 estrela Michelín), propoñerá aos e ás concursantes aos pés da Torre de Hércules -faro romano en funcionamento máis antigo do mundo e declarado Patrimonio Mundial da Humanidade- a realización dun menú deseñado por el mesmo que contará con catro pratos con sabores coruñeses e galegos. Na Rosa dos Ventos, concursantes e xurado foron recibidos pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, quen tamén participou na gravación do programa.
Posteriormente os e as concursantes trasladaranse ao Miradoiro do Monte de San Pedro no que se atopa o restaurante do chef convidado onde terán que elaborar o menú con produtos locais para os 80 comensais invitados.
O programa, que se emitirá en horario de máxima audiencia para todo o público español a través da 1 e do resto do mundo a través da canle internacional de TVE mostrará as mellores vistas e encantos da cidade herculina.