Nace o Club Uni, un espazo para a música e a cultura singular na cidade que actualiza o espírito do Café Universal

Club Uni

Unha evolución natural do Café Universal e da súa actividade. Un espazo próximo, diverso e atento ao que agroma,
que busca reformular o concepto de café bohemio cunha mirada contemporánea sobre a cultura popular. Así quere ser o Club Uni, unha nova proposta dirixida a enriquecer, diversificar e ampliar o que xa é o Universal: un local acolledor, auténtico, ecléctico e integrador.

“Igual que noutras grandes cidades existen espazos singulares, con personalidade propia e con arraigo que se reformulan para desenvolver unha actividade que só un lugar así podería desenvolver, o Club Uni actualiza o que representa o Café Universal para o converter nun espazo cultural do tempo que estamos a vivir, este que tantísima ilusión demanda”, resume Xulio Vázquez, xerente e programador do Universal e impulsor da nova liña, que quere facer do histórico local da Estreita de San Andrés –en activo desde 1993– un recanto de ocio alternativo á oferta masiva e estandarizada, no que dar voz a propostas “mínimas en formato e máximas en concepto”.

Para presentar o novo proxecto, o Universal acollerá hoxe xoves, día 10, desde as 20.30 horas, un encontro aberto no que dar a coñecer a liña conceptual do novo micro club e algunhas das novidades, que contará coa música en directo de Astrogirl e con algunhas das persoas implicadas nas actividades vindeiras. Astrogirl é unha das artistas que teñen no Café Universal a súa casa desde hai moitos anos. Ademais, a creadora vén de publicar o seu último álbum, “Portales”.

Sala Son Estrella Galicia

A música, ao vivo, escollida e en pequeno formato, será unha das patas da programación do novo Club Uni, que desde este mes se incorpora como nova Sala Son Estrella Galicia para albergar actuacións singulares que non se poden escoitar noutro lugar da cidade. Ademais, o Café Universal | Club Uni mantén a súa coidada
banda sonora como un dos seus sinais de identidade: desde o jazz clásico ata unha escolma coidada e sempre comprometida coa calidade e as periferias musicais para as cañas das tardes, e as mellores pinchadas para bailar bonito polas noites.

Pero o Club Uni quere dar abeiro a outras moitas manifestacións artísticas contemporáneas e novos formatos para ofrecer, como indica Vázquez, un diálogo diferente e alternativo na cidade, que cuestione “o que se supón que debe ser un espazo para a cultura, o que se supón que é válido e o que que queda fóra, os que deben ser os
tempos ou as protagonistas”; propostas diferenciadoras e de alta calidade para públicos ávidos de discursos non convencionais.