O Concello acomete un plan de mellora integral das hortas urbanas e abrirá un novo prazo de solicitude de parcelas

O Concello da Coruña acometerá obras de mellora nas hortas urbanas de Novo Mesoiro, Agra do Orzán e Eirís. Os traballos consistirán nunha reformulación do número de parcelas en todas as instalacións, que aumentan o seu número nun centenar, tendo en conta as novas proxectadas no parque de Adolfo Suárez. Ademais,
resolveranse diferentes deficiencias e atenderanse as demandas trasladadas polas propias persoas usuarias ao Concello.
Está previsto que as obras comecen o 2 de marzo. Para acometelas será necesario o peche completo das instalacións durante un período de tempo de entre un e dous meses. As e os usuarios actuais poderán manter os seus cultivos nas hortas durante ese período e retiralos unha vez finalizadas as obras. Ademais, a nova horta urbana do parque de Adolfo Suárez continúa en execución.
Con esta actuación o Goberno municipal de Inés Rey amosa o seu firme compromiso coas hortas ecolóxicas da cidade e a súa vontade de melloralas para o uso e gozo da cidadanía.
A Concellaría de Medio Ambiente que dirixe Esther Fontán traballou nesta reformulación dos espazos actuais cos propios adxudicatarios das hortas, e mantivo un diálogo constante que será a tónica habitual unha vez que rematen as obras.

As actuacións serán distintas en cada unha das instalacións. Levarase a cabo un tratamento de todas as estruturas de madeira para a súa correcta conservación, crearanse novas parcelas e expandirase o espazo das hortas en Novo Mesoiro, resolveranse as deficiencias atopadas, instalaranse puntos de luz solar nas casetas de material e
colocaranse pérgolas nos espazos comúns. Ademais, crearase unha nova parcela común que cumprirá a función de horta infantil, aínda que serán as propias persoas usuarias as que decidan o seu uso futuro.

Unha vez rematados os traballos, a cidadanía terá á súa disposición un centenar de parcelas adicionais. Na Agra do Orzán haberá 117 parcelas individuais, 9 mesas de cultivo, unha parcela de uso común e unha mesa de cultivo común. En Novo Mesoiro serán 36 parcelas individuais, 3 mesas de cultivo, unha parcela de uso común e unha mesa de cultivo común. No parque de Eirís haberá 81 parcelas individuais, 9 mesas de cultivo, unha parcela
de uso común e unha mesa de cultivo común. E, por último, no parque de Adolfo Suárez: 84 parcelas individuais, 3 mesas de cultivo, unha parcela de uso común e unha mesa de cultivo común.

Entre os obxectivos dos traballos de mellora atópanse o de promover un uso responsable dos recursos (territorio, auga e enerxía), facilitar a produción de compost e o uso de sistemas e prácticas de irrigación que eviten o malgasto de auga, ou promover sistemas de agricultura respectuosos co medio. Búscase fomentar a produción sustentable e
respectuosa co medio ambiente de vexetais destinados ao autoconsumo, crear espazos de cidadanía activa que permitan xerar novas oportunidades de intercambio social, promovendo as relacións interpersoais e incrementando os niveis de implicación cidadá no coñecemento e na mellora da contorna urbana.

 

Nova adxudicación de hortas

O Concello da Coruña, a través da súa Área de Medio Ambiente, fará pública unha nova convocatoria para o uso das novas hortas urbanas. Nesa atópanse as instalacións xa operativas de Novo Mesoiro, Agra do Orzán e Eirís, e engádese a futura horta do parque de Adolfo Suárez. As novas persoas adxudicatarias poderán traballar as súas parcelas durante 4 anos, o período máximo que estipula a lei.

A convocatoria publicarase proximamente no Boletín Oficial da Provincia e as persoas interesadas terán 15 días para presentar as súas solicitudes. A adxudicación definitiva está prevista para antes do mes de maio e permitiralles ás novas persoas usuarias traballar as hortas de cara aos cultivos de verán.

Unha das novidades do novo modelo de xestión das hortas urbanas será que dúas veces ao ano as persoas usuarias poderán facerlle propostas ao persoal técnico da Área de Medio Ambiente. Deste modo búscase que esta nova etapa das hortas estea marcada polo diálogo, tal e como apuntaban as e os usuarios. Estes períodos participativos terán lugar en xuño e decembro. Ademais, tamén se poderán achegar propostas sobre o modelo de gobernanza de cada horta. As persoas interesadas poderán consultar todos os requisitos e obrigas nas bases que se publicarán proximamente no BOP.