BiciCoruña: O Concello comeza este mes coa primeira fase de implantación das novas bicicletas do servizo municipal de BiciCoruña

BiciCoruña

O Concello da Coruña comezará este mes coa primeira fase de implantación das novas bicicletas do servizo de BiciCoruña, un proxecto asociado a súa Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible (EIDUS) referida as actuacións e proxectos con fondos FEDER da Unión Europea.

O proxecto, que ten a finalidade de dotar á cidade dun sistema de préstamos de bicicletas moderno, seguro e en liña cos sistemas das principais urbes de Europa, está dotado cun orzamento de 1.792.030 euros e permitirá a renovación e ampliación do parque de vehículos existente: contempla a disposición dun mínimo de 514 bicicletas —334 máis que as dispoñibles actualmente—, das que 342 serán mecánicas e 129 eléctricas.

Incrementaranse, e case por partida tripla, os postos de ancoradoiro con base de carga, pasando dos 356 actuais a un total de 990 que estarán repartidos entre 55 estacións por toda a cidade, máis do dobre do número actual de estacións (23), chegando a barrios como a Agra do Orzán, Catro Camiños, Durmideiras, Eirís, Elviña, Novo Mesoiro e o Ventorrillo, así como a enclaves de primeira importancia cultural como o castelo de Santo Antón, o centro sociocultural Ágora e a Domus, tamén a polígonos como o de Agrela, conectando estes puntos coa cidade
baseándose na mobilidade sostible.

Nesta primeira fase, centrada na renovación do sistema vixente, levarase a cabo a retirada e colocación dos novos vehículos nas 23 estacións da cidade, que tamén serán renovadas.

Desde este mes, o proceso executarase de forma progresiva e gradual, para dar continuidade ao servizo de BiciCoruña durante o inicio dos traballos, durante a primeira fase, suspenderase temporalmente o servizo durante uns días ata completar a renovación das 23 estacións, suspensión que será compensada aos usuarios coa correspondente extensión de días de uso nas súas tarxetas. Ademais, tamén nesta primeira fase, poranse a disposición dos usuarios as primeiras bicicletas eléctricas.

A achega dos fondos Next Generation, A aposta polas bicicletas eléctricas é un dos sinais de identidade do proxecto de renovación do servizo de BiciCoruña. Neste sentido, e grazas á financiación dos fondos Next Generation
acadada polo Goberno de Inés Rey durante este mandato (11 millóns de euros), poranse a disposición da cidadanía outras 165 bicicletas eléctricas que se sumarán ás 129 xa previstas ao comezo do proxecto de ampliación.

Ademais, e tamén grazas á achega dos fondos Next Generation, o Goberno municipal levará a cabo melloras e reformas no carril bici da cidade por valor de 1,5 millóns de euros, dando continuidade á aposta pola mobilidade sostible nas áreas urbanas, fomentando hábitos saudables e o coidado do medio ambiente.