O Concello comezará a impartir este mes de abril novos cursos de formación para persoas desempregadas

O Concello da Coruña iniciará este mes de abril novos cursos de formación para persoas desempregadas, co obxectivo de fomentar a empregabilidade dos veciños e veciñas no sector da construción e do metal. A formación responde a unha demanda de traballadores e traballadoras no sector secundario e terciario, que ano tras ano perde persoas formadas en traballos relacionados coa industria, loxística ou construción.
Dende comezos de ano o concello leva organizados 18 cursos de formación para persoas desempregadas, entre os que se atopan algúns como instalacións e mantemento de xardíns e zonas verdes, traballos de carpintería e moble ou de carretilla elevadora de carga de persoas e plataformas. Neste mes de abril sumaranse aos 18 comezados en febreiro, outros tres cursos formativos de 10 prazas cada un: soldadura con eléctrodo, pintura de edificios e na rama de ofimática, un curso de tratamento de textos. Serán impartidos en horario de mañá de luns a venres: de 8:30h a 14:30h os de soldadura e pintura, e de 9:30h a 13:30h o de tratamento de textos.
A oferta compleméntase con cursos para o sector da alimentación (carnicería, chacinería, peixería e froitaría) así como no eido da informática e a dixitalización. Ao curso de técnico/a de soportes informáticos, súmase a oferta en liña en competencias dixitais, que abriu o seu prazo de inscrición o pasado 28 de marzo e comezará as súas aulas este mes de abril.
O curso en competencias dixitais é unha das 42 accións formativas que se impartirán integramente en liña neste ano 2022, posibilitando o acceso a un total de 1.340 alumnos e alumnas. En formato presencial, o Concello da Coruña ten un total de 33 accións formativas previstas para o 2022, dando formación gratuita a máis de 500 persoas desempregadas cos itinerarios impulsados pola Concellaría de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego. Cómpre destacar que o total dos cursos e talleres ofertados son de balde, e forman parte da estratexia do goberno de Inés Rey pola formación e inserción laboral da veciñanza da Coruña.
Para participar na orientación laboral e nos cursos de formación, cómpre pedir cita ao servizo de orientación laboral chamando ao 010 ou ao 981 184 399. Un servizo municipal de balde que, a través dun proceso de orientación personal, selecciona os cursos que máis se axustan ao perfil da persoa interesada.
Formación gratuíta para persoas emprendedoras
Durante o mes de abril, o Concello da Coruña tamén levará a cabo varios talleres dirixidos a persoas emprendedoras, autónomas e comerciantes. Estas desenvólvense no espazo municipal ACCEDE Papagaio e teñen como obxectivo ampliar e mellorar a formación do tecido empresarial local.
Os talleres propostos son tres: un sobre elaboración do plan de empresa (18 a o 22 de abril), outro sobre como obter financiamento para desenvolver un proxecto empresarial (25 e 26 de abril); e outro sobre estratexias para gañar e afianzar clientela (do 27 e 29 de abril). Estes impartiranse en horario de mañá, de 9:30 h a 13:30 h, e para acceder á formación cómpre inscribirse a través da web www.coruna.gal/empresa/gl/cursos-de-emprendemento, onde tamén se pode consultar o contido dos cursos.
A comezos do mes de maio impartiranse no mesmo espazo os talleres sobre nocións básicas en materia de seguridade social (do 2 ao 4 de maio), continuando coa ampliación formativa para persoas emprendedoras.