INES REY

O Concello destina máis de 2 millóns de euros ás novas Bolsas Comedor, das que se beneficiarán máis de 2.000 nenas e nenos

A Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá aprobou as novas bases para o curso que vén das Bolsas Comedor. A principal novidade, tal e como explicou a alcaldesa Inés Rey en rolda de prensa, é que se simplifica notablemente o procedemento de solicitude para facilitar os trámites ás familias.

O Concello destinará 2.050.000 euros ás Bolsas Comedor. Estas axudas municipais supoñen a contía total nos centros públicos e unha achega mensual de 80 euros nos centros concertados ou privados, que pode chegar a 98 euros en función de determinadas circunstancias. Vai destinada a nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Educación Especial. O período para solicitalas será do 2 ao 31 de marzo deste 2022. Deste xeito, adiántase un mes o prazo con respecto á convocatoria anterior.

As familias terán, este ano, que achegar unha documentación simplificada e modificarase o concepto de unidade familiar nuclear, permitindo que os pais e nais separados con custodia compartida non teñan que presentar o convenio regulador. “Esta é unha acción central do noso goberno que axuda de forma directa cada ano a familias de máis de 2.000 nenos para garantir que poidan facerse cargo deste gasto”, apuntou Inés Rey.