O Concello executará os 22 proxectos gañadores dos Orzamentos Participativos 2021, que inclúen novas zonas verdes, melloras en parques e novos carrís bici

O Concello executará este 2022 as 22 propostas gañadoras dos Orzamentos Participativos 2021. A aprobación no pleno extraordinario deste xoves dos Orzamentos Municipais do 2022 grazas ao acordo alcanzado entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica, permitirá acometer ditos proxectos, que contemplan a ampliación de zonas
verdes, a mellora de parques infantís e superficies deportivas ou a creación de novos carrís bici.

O Goberno de Inés Rey destinará máis de 2,5 millóns de euros dos orzamentos ás propostas realizadas polos coruñeses e as coruñesas que foron as máis votadas. Refórzase deste xeito o compromiso municipal coas achegas e as necesidades da cidadanía, que puido presentar e votar propostas para o conxunto da cidade e para cada un dos dez distritos que a compoñen.

Os coruñeses e as coruñesas apostaron nestes Orzamentos Participativos maioritariamente pola ampliación de zonas verdes, melloras en parques infantís e en superficies deportivas e ampliación das plataformas de mobilidade alternativa ao coche. Trátase de propostas que seguen a liña política da alcaldesa Inés Rey, buscando unha cidade para as persoas e comprometida con formas de mobilidade sostibles e espazos máis amables.

Os Orzamentos Participativos 2021 foron os que máis propostas recibiron desde que se realizan. Os cidadáns e cidadás puideron escoller proxectos para aplicar no ámbito de toda a cidade por valor dun millón de euros. Ademais, escolléronse tamén proxectos por valor de 150.000 euros para cada un dos 10 distritos da cidade, con dous proxectos a maiores para aproveitar os remanentes orzamentarios. Ademais, foi a primeira edición que incorporou a votación presencial, o que permitiu rachar a fenda dixital e que toda a cidadanía tivese acceso
ás propostas.

Propostas gañadoras dos Orzamentos Participativos 2021

Toda a cidade
Colocación de máis árbores, plantas e flores en toda a cidade 250.000 euros
Creación de parques infantís cubertos 250.000 euros
Aseos autolavables no Paseo Marítimo 250.000 euros
Parques infantís adaptados para nenos e nenas con mobilidade reducida en cinco lugares 250.000 euros

Distrito 1
Conectar os carrís bici do Paseo Marítimo e o Cantón Pequeno 150.000 euros

Distrito 2
Plantar árbores na rúa da Torre 35.000 euros
Humanización da avenida de Hércules 60.000 euros

Distrito 3
Cobertura parcial do patio do CEIP Labaca 75.000 euros
Acondicionamento de baños no CEIP Labaca 60.000 euros

Distrito 4
Reforma ou ampliación do parque infantil da Sardiñeira 100.000 euros
Carril bici no cruzamento da Avenida de Arteixo coa rolda de Nelle 150.000 euros

Distrito 5
Creación de instalacións deportivas no barrio dos Rosales 75.000 euros
Zonas verdes no aparcadoiro de Riazor 50.000 euros

Distrito 6
Novas zonas verdes na Agra do Orzán 150.000 euros

 

Distrito 7
Mellora de accesibilidade das escaleiras do CEIP María Pita 150.000 euros

Distrito 8
Reforma exterior da escola infantil Os Cativos 90.000 euros

Distrito 9
Zona polideportiva descuberta na Urbanización Breogán 75.000 euros
Carril bici en Novo Mesoiro 150.000 euros
Paso ciclista no carril bici entre Mesoiro e a Universidade 48.400 euros

 

Distrito 10
Paso de peóns na avenida de Arteixo 85.000 euros
Construción de pista Pumptrack 53.600 euros
Iluminación da pista polideportiva de Alcalde Salorio Suárez 7.900 euros