Formación gratuíta
O Concello da Coruña, a través da súa concellaría de Emprego, desenvolve distintos obradoiros formativos dirixidos tanto a persoas emprendedoras, que queiran poñer en marcha a súa idea de negocio, como a persoas traballadoras autónomas, comerciantes e empresariado en xeral. Estes cursos, que organiza o departamento de Promoción Económica e Comercio, celébranse no centro de empresas Accede Papagaio, e enmárcanse dentro dos plans do Goberno que preside Inés Rey de dinamización económica e do emprego e que ten en marcha o Concello.
O obxectivo destes talleres é facilitar ás persoas emprendedoras e promotoras de pequenas iniciativas empresariais, e a aquelas que xa teñen en marcha a súa empresa, os coñecementos e habilidades necesarias para desenvolver e consolidar a súa idea de negocio, apoiando deste xeito a creación e o mantemento de iniciativas emprendedoras e de emprendemento na cidade da Coruña.
Son talleres formativos, de carácter gratuíto e de curta duración, que se imparten de 9.30 a 13.30 horas ata o mes de xuño. Están agrupados en catro temáticas: creación e desenvolvemento de proxectos empresariais, comunicación, administración e xestión de empresas e novas tecnoloxías. Os talleres inclúen contidos como o contacto coa Administración, as obrigas dunha empresa coa Axencia Tributaria ou a Seguridade Social ou a elaboración dun plan de negocio.
Toda a oferta formativa promovida polo Concello está á disposición da cidadanía na páxina web municipal, desde a que é posible facer a inscrición.
PROGRAMA CIME
Por outra banda, desde o Concello tamén se está a desenvolver o programa CIME (Coruña Innovación e Mellorar Empresarial). Dirixido a persoas traballadoras autónomas e a microempresas da cidade que, independentemente do sector no que desenvolven a súa actividade, desexen impulsar a innovación en áreas como servizo ou produto, márketing, medio ambiente, modelo de negocio ou tecnoloxía.
O centro de empresas Accede Papagaio acolleu xa catro xornadas do programa, no que participaron arredor de 80 persoas autónomas e empresas. A partir de aí, as empresas contarán cun apoio de consultiría e con asesoramento no diagnósticos, planificación e execución das innovacións proxectadas. O programa oferta un total de 140 prazas e ao peche o Concello da Coruña entregará tres premios consistentes nun paquete de horas de consultoría que poderán utilizarse ao longo de seis meses.
Aínda é posible inscribirse no programa a través da páxina web cimecoruna.gal ou solicitar información adicional no correo electrónico cime@coruna.gal.