Día Mundial da Árbore: O Concello planta árbores nas escolas infantís municipais da Coruña

Día Mundial da Árbore

O Concello da Coruña plantará distintas árbores frutais nas escolas infantís municipais con motivo do Día Mundial da Árbore, que se conmemora este 21 de marzo coincidindo co comezo da primavera. Esta iniciativa do Goberno municipal, levada a cabo a través a concellaría de Medio Ambiente, busca inculcar entre as pequenas e pequenos valores que aposten pola sostibilidade e o coidado do medio.

A partir deste luns e durante unha semana, persoal municipal achegará exemplares de ameixeiras, maceiras e cerdeiras a diferentes centros. Ademais, naquelas escolas infantís nas que non se dispoña de espazo para novas árbores, entregaranse libros divulgativos e testos con plantas. Participan nesta campaña os centros La Caracola, Arela, Carricanta, Luis Seoane, EIM Monte Alto, EIM Agra do Orzán e EIM Os Rosales.

“Non é só a promoción do medio ambiente, tamén queremos concienciar sobre a importancia do consumo de produtos de proximidade e facer que os nenos e as nenas sexan protagonistas dun día como este”, apuntou Esther Fontán, concelleira de Medio Ambiente, sobre a iniciativa, esta mañá na escola infantil La Caracola de Novo Mesoiro, que foi a primeira en recibir as súas novas árbores. Cada escola recibirá un ou dous exemplares para plantar nos seus terreos.

O Concello plantou durante o ano pasado un total de 856 árbores na cidade a tarvés de diferentes campañas nos barrios, ademais da reposición dos exemplares danados. Para este 2022 desde o Goberno municipal espera chegar ao milleiro de novas árbores, indicou Esther Fontán.