O Concello pon en marcha o Bosque de Breogán, un novo espazo con 27.000 metros cadrados para a cidadanía

O Concello da Coruña iniciou os traballos para a creación do Bosque de Breogán, un novo espazo de 27.000 metros cadrados situado entre a Urbanización Breogán e o cemiterio de Feáns. Este parque urbano permitirá aos veciños e veciñas da propia urbanización, de Feáns, Mesoiro e Novo Mesoiro gozar dunha zona de recreo natural con diferentes sendas e mobiliario apto para todas as idades.

O proxecto, que forma parte dos plans de expansión de zonas verdes postos en marcha polo Goberno de Inés Rey, ten prevista a creación de zonas para pasear, zonas de prado e observación, espazos boscosos e a dotación de equipamento deportivo nalgún punto. Os sendeiros sumarán en total case un quilómetro de percorrido coa creación de 912 metros de novos camiños, con firme axeitado para o lugar.

Co avance do proxecto o Goberno de Inés Rey amosa o seu compromiso con dotar aos diferentes barrios da cidade de novos espazos de lecer e deportivos. Nesta ocasión, aproveitarase as amplas zonas verdes que hai en Feáns para a creación de novos servizos para todas as idades. O orzamento dos traballos é de 289.899 euros, financiados nun 80% por fondos europeos FEDER.

Por outra banda, no acceso norte crearase unha plataforma de madeira que facilitará o acceso a este novo espazo natural. O Bosque de Breogán contará cun maior número de árbores, xa que se repoboará con varias especies como freixos, bidueiros, acivros, cerdeiras, carballos, castiñeiros ou faias.

A dirección dos traballos corresponde a Naos, o mesmo estudo que xa se encargou do parque de Oza. As obras xa comezaron e o prazo de execución é de seis meses. Antes de proceder á creación dos camiños e á colocación do equipamento e das árbores, realizaranse traballos previos de adecuación, tales como o rozado dos terreos e o coidado das especies vexetais actuais, eliminando as especies invasoras, así como restos de madeira e podas de campañas anteriores. Eliminaranse tamén nesta primeira fase dous pequenos depósitos de auga que permanecen cubertos pola maleza.