O Mercado das Nubes do Nadal regresa un ano máis ao mercado de San Agustín. Esta iniciativa celebrarase do venres 17 ao domingo 19 de decembro e acollerá a medio cento de emprendedores, artistas e marcas da cidade.
O Mercado das Nubes do Nadal é unha aposta do Concello da Coruña a través da concellaría de Comercio e Mercados, por dinamizar estes espazos municipais a través da celebración de eventos e actividades alternativas. A cita está organizada por Océano Azul. A inauguración será o venres ás 18.00 horas no propio mercado de San Agustín.
Esta será unha edición con máis participación de persoas, pequenas empresas, marcas e artistas, sempre cumprindo coas máximas esixencias sanitarias. Haberá esta fin de semana máis de 40 propostas de deseño gráfico, téxtil, cosmética, complementos, libros, artesanía, gourmet, vintage e arte. Tamén haberá unha zona dedicada ao mundo do surf, onde mercar ou vender táboas de segunda man e todo tipo de material.
Por outra banda, o chef Antonio Amenedo volverá ofrecer os seus populares callos este domingo no Mercado das Nubes. Non faltarán os postos gastronómicos, os obradoiros e as zonas infantís. Tamén haberá musica en directo, debuxantes e un posto de retratos en placas de prata. Este ano, as compras poden ter premio grazas ao apoio da Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña (HOSPECO), con bonos dunha noite para dúas persoas nos principais hoteis da cidade.
Esta iniciativa enmárcase dentro do pulo que está dar o Goberno de Inés Rey á revitalización dos mercados municipais na cidade, con importantes investimentos que estanse a executar na construción de Durmideiras e que suporán tamén a renovación de Monte Alto e Santa Lucía.
O horario do Mercado das Nubes de Nadal será o venres de 16.00 a 21.00, o sábado de 11.00 a 21.00 e o domingo de 11.00 a 18.00 horas.