Orzamentos participativos
Os coruñeses e coruñesas presentaron ao Concello 733 propostas para decidir o destino de 2,5 millóns de euros dos orzamentos da cidade. Por distritos, o que recibiu un maior número de propostas, foi o Distrito 7 con 174 aportacións, seguido do Distrito 8 con 65 propostas. En total recibíronse 184 aportacións para distribuír os 1,5 millóns de euros destinados aos distintos barrios da cidade. Todas as propostas presentadas pódense consultar na web nacorunacontas.coruna.gal
A concelleira de participación, Yoya Neira valorou moi positivamente a implicación da cidadanía destacando que se recibiron “un 20% máis de propostas que na última edición dos orzamentos participativos”. Ademais destacou que a novidade de poder presentar as propostas nos tres rexistros municipais (Ágora, Fórum e María Pita) conseguiu achegar este proceso a unha maior porcentaxe da poboación.
Durante o proceso de recollida de propostas leváronse a cabo diferentes accións para difundir o programa como encontros con entidades veciñais, socioculturais e do terceiro sector co obxectivo de explicarlles de primeira man o funcionamento da iniciativa e animalos a participar. O Concello, ademais, habilitou puntos de información específicos na rede de bibliotecas, centros cívicos e rede de puntos de información xuvenil.
Fase de apoios
Os técnicos municipais están a analizar agora as propostas recibidas co obxectivo de validar aqueles proxectos que sexan tecnicamente viables e de competencia municipal.