Os minutos da vida
HM Hospitales e o Concello da Coruña presentaron esta mañá un acordo polo que os traballadores de Setex-Aparkisa, concesionaria da O.R.A., se formarán en reanimación cardiopulmonar (RCP) e primeiros auxilios, co obxectivo de capacitalos para dar resposta rápida e eficaz a potenciais emerxencias que poidan xurdir na vía pública.
Grazas ao proxecto ‘Os minutos da vida’ HM Hospitais impartirá gratuítamente varios cursos nos que os profesionais municipais aprenderán como proporcionar un adecuado soporte vital básico ante paradas cardiorrespiratorias, desmaios, atragoamentos e outras tipoloxías de urxencias sanitarias.
A directora médica de HM Hospitales en Galicia, Pilar Múgica, sinalou a importancia de “ampliar a formación sanitaria duns traballadores que teñen presenza en toda a cidade e poderían resultar esenciais para unha intervención de emerxencia nas rúas da Coruña, ata que cheguen os servizos médicos de emerxencias”.
A doutora lembrou que “os primeiros minutos tras unha parada cardíaca ou respiratoria son cruciais, polo que coñecer unhas técnicas básicas de reanimación cardiopulmonar non só salva vidas, senón que tamén pode evitar secuelas tras a reanimación, fundamentalmente neurolóxicas”. Ademais, con esta iniciativa, HM Hospitales pretende reforzar os vínculos co concello e coa sociedade coruñesa, da que o Hospital HM Modelo e a Maternidade HM Belén forman parte desde fai 76 e 55 anos, respectivamente.
Pola súa banda, Francisco Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade do Concello da Coruña, lembrou “a necesidade de facer chegar ao conxunto da poboación as técnicas e formación sanitaria que salven vidas”. Para conseguilo, agregou Díaz Gallego, “todo traballador das Administracións públicas debe estar preparado, en calquera circunstancia de emerxencia, para estar ao dispor da cidadanía”.
Así mesmo, o director de Delegacións de Setex Aparki, José Luis Molinero, indicou que “a presenza de 30 controladores percorrendo diariamente as rúas da Coruña, realizando a súa función de xestión da mobilidade e o estacionamento na vía pública, confírelles un papel protagonista para a detección, aviso e primeira asistencia sanitaria.
Por iso resulta fundamental dar formación ao noso persoal en apoio vital básico co fin de poder actuar dunha maneira adecuada ante unha parada cardiorrespiratoria e axudar, desta maneira, á supervivencia da persoa afectada. Como sempre, Setex colabora en todas as iniciativas municipais que nos propoñen para mellorar a calidade de vida dos coruñeses.”
Unha vez realizada a formación aos traballadores, que terá lugar nas próximas semanas, está prevista a instalación duns adhesivos informativos sobre este proxecto en todos os dispensadores da O.R.A. da cidade, co obxectivo de dar visibilidade a esta iniciativa.
A iniciativa ‘Os minutos da vida’ chega á Coruña da man de HM Hospitales tras a súa implantación con éxito xa nas cidades de León e Santiago de Compostela.
HM Hospitales
HM Hospitales é o Grupo hospitalario privado de referencia a nivel nacional, baseando a súa oferta na excelencia asistencial sumada á investigación, a docencia, a constante innovación tecnolóxica e a publicación de resultados.
Dirixido por médicos e con capital 100% español, conta na actualidade con máis de 6.500 traballadores laborais que concentran os seus esforzos en ofrecer unha Medicina de calidade e innovadora centrada no coidado da saúde e o benestar dos seus pacientes e familiares.
HM Hospitales está formado por 48 centros asistenciais: 20 hospitais, 3 centros integrais de alta especialización en Oncoloxía, Cardioloxía, Neurociencias, 3 centros especializados en Medicina da Reprodución, Saúde Ocular e Saúde Bucodental, ademais de 22 policlínicos. Todos eles traballan de maneira coordinada para ofrecer unha xestión integral das necesidades e requirimentos dos seus pacientes.
Actualmente, HM Hospitales en Galicia dispón de 4 hospitais con máis de 250 camas e 23 quirófanos que responden a todas as especialidades médicas e cirúrxicas, e conta coa máis avanzada tecnoloxía de diagnóstico por imaxe. Destacan a UCI de adultos e neonatal, os servizos de urxencias 24 horas e urxencias pediátricas, a medicina nuclear e HM Fertility Center, entre outros. Estes recursos veñen sumarse aos do resto do grupo no conxunto de España, todos eles coa maior cualificación técnica e humana.