San Agustín conta
A Parva, a cantina do mercado de San Agustín, acolle mañá sábado, día 5, a inauguración da exposición ‘San Agustín conta’ dentro do festival de fotografía FFoco. A mostra recolle imaxes das clientas da praza e as súas historias vinculadas á mesma e está realizada polas creadoras de contido audiovisual Cristina Caamaño e Andrea Gestal.
O proxecto, impulsado por Alba Barbadillo e Ángela F. Casal, socias cooperativistas da Parva, busca “facer reflexionar ao público sobre o consumo, a alimentación, o comercio local, o rural, a cidade, o barrio e as decisións persoais e colectivas”. Os textos que acompañan as fotografías resumen os motivos da clientela para confiar diariamente na praza pero tamén a súa denuncia do pouco público que se mantén fiel ao mercado máis valioso, arquitectónicamente falando, da cidade.
O evento decorrerá desde as 14.00 horas na terraza interior que o posto ten no mercado e coincide co aperitivo que ofrece o propio festival. Nado en 2017, FFoco consolidouse como o escaparate imprescindible para amosar e coñecer o estado actual da fotografía documental en Galicia, sendo o único festival destas características na comunidade. Nesta edición, a recuperación da memoria visual do Prestige no 20o aniversario do afundimento do petroleiro e outras cicatrices na paisaxe galega provocadas pola acción humana e a explotación dos recursos naturais centran o eixo temático do Festival.