TFG aplicado
A Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña entregou este martes 5 de abril o VII Premio ao Mellor Traballo de Fin de Grao Aplicado do Grao en Enxeñaría Informática, que recaeu no proxecto “Técnicas de Intelixencia Artificial Aplicadas á detección de ciberacoso en redes sociais”, realizado polo estudante Paulo Seoane Davila e dirixido por Fidel Cacheda, profesor da Facultade e investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC. O CITIC colaborou nos premios, xunto coa Fundación Universidade da Coruña e co patrocinio das cátedras institucionais Aldaba, Corunet e NTTdata. O acto estivo conducido pola investigadora do CITIC e vicedecana de Relacións Institucionais da FIC, Adriana Dapena.
Este galardón pretende recoñecer os mellores traballos de fin de grao presentados no curso 2020/2021, que obtiveron unha cualificación de matrícula de honra. Así, presentáronse vinte propostas, das cales foron seleccionadas tres, que pasaron á final. Ademais do primeiro premio, gratificado con 1500 €, concedéronse dous accésit de 500 € cada un; foron para Manuel Couto Carril co seu TFG “Monitorización e control de explotación de gandería extensiva”, e para Juan González Iglesias, que presentou “Aplicación móbil e monitorización dun dummy para a formación en emerxencias sanitarias”. Ambos traballos estiveron dirixidos polos investigadores do CITIC e docentes da FIC Carlos J. Escudero Cascón e Óscar Fresnedo Arias, respectivamente.
O TFG premiado tivo como obxectivo desenvolver un modelo de Intelixencia Artificial capaz de detectar ciberacoso en comentarios en redes sociais, unha tarefa que resulta altamente complexa debido a que ditos comentarios están escritos en linguaxe natural.
A entrega do Premio ao Mellor TFG Aplicado enmarcouse na Feira de Emprego e Prácticas da Facultade, que congregou este martes a 26 empresas do sector TIC, que impartiron charlas e obradoiros destinados á orientación laboral do estudantado.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
Na actualidade, o CITIC está acreditado como Centro de Investigación de Galicia. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co obxectivo temático de promover o desenvolvemento tecnolóxico‚ a innovación e unha investigación de calidade.
Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.