Aberto o prazo para participar nas 150 actividades do programa xuvenil Nocturnia

O Concello da Coruña, a través da súa concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación, ven de presentar a programación de Nocturnia para os meses de abril a agosto. O prazo de inscrición abriuse este luns ás 16.00 horas, ten carácter semanal e conclúe o xoves ás 12.00 horas. As actividades celebraranse os venres e os sábados, principalmente en horario nocturno, aínda que algunhas sesións, polas súas características, terán outros horarios.

Nocturnia é un programa de ocio saudable para a xuventude organizado polo servizo de Mocidade. Ofrece unha serie de actividades gratuítas para que a xente moza, de 12 a 30 anos, as teña en conta á hora de planificar as súas fins de semana. A través deste programa, o Goberno municipal de Inés Rey quere ofrecer alternativas semanais de tempo libre á mocidade, presentando unha serie de actividades que van desde a danza ao surf.

As inscricións realizaranse na páxina web coruna.gal/nocturnia. Nese enderezo as persoas interesadas atoparán todas as actividades e as datas nas que poderán apuntarse. Cada xornada conta con varias opcións de diferente temática. Algúns dos espazos nos que se celebrarán son o centro sociocultural Ágora, os centros cívicos municipais, diferentes negocios da cidade que colaboran, parques como o de Eirís, a cidade deportiva de Riazor ou praias como a de Bastiagueiro, en Oleiros.

En total, son case 150 actividades de moi variada temática e orientadas a diferentes tipos de persoas e gustos. Hai actividades deportivas como surf, patinaxe, escalada, parkour… Tamén haberá sesións de manualidades, xogos de mesa, improvisación, cabaret, defensa persoal, iniciación en Tik Tok… Por outra banda, o programa tamén inclúe saídas puntuais, como un roteiro de interpretación natural no Monte Pido, en Dumbría.